Wednesday 22 de May de 2024

O espectáculo ‘Isto é rock!’ volve á Coruña da man de Javier Becerra e Carolina Rubirosa co seu divertido repaso da historia da música rock


Xa están á venda as entradas para o concerto, programado para o 3 de xaneiro no Teatro Colón, onde ao repertorio con grandes clásicos como AC/DC, The Beatles ou Queen sumaranse toques de Nadal con novas cancións e convidados especiais

O Teatro Colón da Coruña acollerá o próximo 3 de xaneiro o especial de Nadal ‘Isto é rock!’, un divertido e emocionante repaso á historia da música rock en familia da man do escritor e xornalista Javier Becerra, creador do espectáculo, e a cantante Carolina Rubirosa, directora musical. El narra e ela toca e canta, co acompañamento dunha banda integrada por Rafa Otero (guitarra), Diego Rois (teclados), Rafa Morais (baixo) e Miguel Cabana (batería). O concerto comezará ás 19.00 horas e as entradas puxéronse hoxe á venda e poden adquirirse en Ataquilla ou no quiosco da praza de Ourense.

Despois de reunir a miles de persoas na praza de María Pita o pasado verán nas festas da cidade, chegou o momento de repetir a experiencia e gozar das súas sorpresas nun espectáculo no que lles contaxiarán ás pequenas e aos pequenos o amor á música e as súas grandes iconas. O concerto está baseado no libro ‘¡Esto es rock!’ / ‘Isto é rock!’ (Hércules Ediciones), de Javier Becerra, ao que se incorporará un toque de Nadal.

Así, este singular recital reunirá novas cancións, pezas do Nadal, convidados especiais e, sobre todo moito rock. De Chuck Berry a Joan Jett, de AC/DC a The White Stripes e dos Rolling Stones a Queen. Todo aderezado coas ilustracións realizadas para o libro por Catuxa Alonso. Será unha gran festa para recibir o 2023 con máxima enerxía, tal como aseguran Javier Becerra e Carolina Rubirosa, que advirten que “se ao final as familias terminan comportándose como nenos e nenas que ninguén se estrañe porque é o que sempre adoita ocorrer”. Todo pode pasar, desde “facer o baile do pato coma Angus Young ata berrar coma un fan dos Beatles ou delirar con Queen”. Tanto o espectáculo como as charlas divulgativas de Javier Becerra puidéronse ver xa en festivais como o Portamérica, Atlantic Fest, Purple Weekend, Underfest, Ikfem e Vive Nigrán, así como en teatros e salas de Madrid, A Coruña, Ferrol ou Santiago de Compostela.